+34 981 34 03 66 cultura.deportes@fene.gal

Centenario das Escolas de Emigrantes 1916-2016

O día 5 de novembro de 1916 eran inauguradas as escolas Concepción Arenal e Curros Enríquez, que foran fundadas dende A Habana pola Sociedad de Instrucción Naturales del Ayuntamiento de Fene.

Cen anos despois dese acontecemento histórico o Concello quere convidar ao alumnado, ás súas familias, a toda a poboación de Fene en particular, e á cidadanía dos concellos limítrofes en xeral, a participar nos diferentes actos conmemorativos que ten preparados.

Con esta iniciativa trátase de render homenaxe a todas as persoas que, dende a outra beira do Atlántico e dende as diferentes parroquias do noso concello, contribuíron co seu apoio económico, a súa colaboración solidaria, de forma anónima e desinteresada, á modernización do panorama educativo entre os anos de 1916 e 1930.

Antes da implantación desas escolas de americanos, a situación escolar era realmente desoladora: falta de escolas en varias parroquias, locais mal dotados, sistema educativo anticuado, carencia de material didáctico e elevadas taxas de analfabetismo, maioritariamente na poboación escolar feminina. A partir de 1916 agromou ente nós unha radical transformación educativa grazas á implantación dos planteis escolares Concepción Arenal e Curros Enríquez.

Levantáronse dous modernos edificios, ben dotados e con todos os adiantos hixiénicos, renováronse os currículos escolares con novas materias de estudo, incorporouse ao ensino un material didáctico ata entón descoñecido, escolleuse a un profesorado moi ben preparado, creouse unha Biblioteca circulante e o alumnado participou de forma activa en diferentes tarefas, como excursións, coro infantil, teatro e horto escolar. Grazas a ese esforzo colectivo, centos de nenos e nenas do noso concello, seguramente familiares nosos, puideron acceder de forma gratuíta ás aulas e mellorar o seu nivel de instrución.

En agradecemento a esa valiosa contribución, que poñía en valor a importancia da educación, o Concello de Fene organiza unha exposición e un ciclo de actividades conmemorativas do CENTENARIO DAS ESCOLAS DOS NATURALES DEL AYUNTAMIENTO DE FENE, 1916-2016.

Colabora: Comunidade educativa dos centros de Fene [CEIP O Ramo, Os Casais e Centieiras; CPR Jorge Juan de Perlío; CPI A Xunqueira e IES de Fene]